A aventura da División de Honor B comeza para o Muralla Galicia Emerging

15 01 2020

Este domingo o Muralla Galicia Emerging debuta na competición estatal de nova creación a División de Honor B Feminina, o segundo escalafón do rugby feminino.

O debut chega logo de varias tempadas nas que o equipo feminino do Muralla disputou fases de ascenso a División de Honor logo de acadar en dúas ocasións o título de campioas da Liga Galega e noutras dúas o subcampionato, o último dos cales deu dereito á praza na nova competición.

Se ben se gañou deportivamente o dereito a figurar nesa nova División de Honor B, as dificultades para afrontar o proxecto fixeron que se exploraran vías alternativas, entre as cales xurdeu a posibilidade do amparo do proxecto baixo o paraugas da Federación Galega de Rugby, interesada para o desenvolvemento do rugby feminino en Galicia en reter esa praza na división de prata estatal.

Deste xeito, tras conversas coa FGR chegouse ao acordo de empregar o praza como franquicia do rugby galego, co fin de formar a xogadoras emerxentes dos diferentes clubes galegos que reforcen os adestramentos e plantel de xogadoras do Muralla, xunto con staff técnico da FGR encabezado por Jos Portos e Rogelio Sabio como adestrador de dianteira.



A competición nesta primeira tempada disputarase de xaneiro a abril a unha soa volta con semifinais e finais, obtendo o equipo campión o ascenso á Liga Iberdrola e descendendo o derradeiro equipo ao rugby rexional.

Xunto co Muralla Galicia Emerging participarán Eibar RT, XV Hortaleza, ADI Industriales Las Rozas, Sant Cugat, BUC Barcelona, Les Abelles Valencia e XV Murcia.

O obxectivo desta tempada claramente será a permanencia e consolidación do proxecto, con equipos moi potentes deportiva e económicamente que loitarán polo ascenso.

O debut: este domingo 19 de xaneiro ás 12:00 horas no Estadio Gregorio Pérez Rivera diante de ADI Industriales Las Rozas.












A %d blogueros les gusta esto: