Historia

As orixes do Muralla RC remóntanse ao ano 1986 cando baixo o nome de Euita RC foi fundado como clube de rugby por un grupo de estudantes da por aquel entón Escuela Universitaria de Ingenieros Técnicos Agrícolas. Na temporada 2003-04 o clube decide iniciar un novo proxecto contando con antigos membros do Xabarín RC, Landrús RC e posteriormente Maseda RC, nun esforzo por unir o rugby lucense baixo un só nome: Muralla RC.

XABARÍN RC 

Xabarín RC

O Xabarín RC foi fundado a principios dos anos oitenta por Manuel Miranda, e foi un dos clubes de referencia do rugby en Galicia e o clube de rugby lucense de máis éxito chegando a disputar unha final da Copa FER e militando durante varios anos no segundo escalafón do rugby español ata o ano da súa desaparición no 2001.

Coa desaparición do Xabarín RC a maioria dos seus membros pasaron a militar no Landrús RC de sarria, outro dos clubes lucenses que existiron dentro do panorama do rugby galego xunto con Astérix de Viveiro e Maseda Muimenta.

EUITA RC

No ano 1986 o Euita RC foi formado por un grupo de estudantes do Campus de Lugo, entre os que se atopaban os irmáns Antonio e Pablo Pedregal, máis coñecidos como Os Irmáns Moriarty, os cales foran estudar á por aquel entón “Escuela Universitaria de Ingenieros Técnicos Agrícolas” (EUITA). Antonio Pedregal e Pablo Pedregal foron respectivamente presidente e tesoureiro do Euita R.C. dende a súa fundación ata o ano 1994, ano no que finalizaron os seus estudos en Lugo.

Os comezos non foron doados, xa que se precisaban instalacións, material e sobre todo xogadores, mais o proxecto foise afianzando, e no ano 1989 o Euita Rugby Club afiliouse á Federación Galega de Rugby e comezou a súa participación nas competicións organizadas por dita federación.

Nestes comezos, o Euita incluso chegou disputar os seus partidos como local na vila de As Pontes ante a falta dun campo axeitado. Logo foron varios os campos polos que pasou o Euita R.C.: Lombao (Estrada de Oviedo), Nadela, As Gándaras e finalmente, dende o ano 1999 no Estadio Gregorio Pérez Rivera.

A andaina do Euita R.C. na Liga Galega sufriu altibaixos, mais a teima dos membros do Euita ao longo dos anos deu os seus froitos e así, nos anos ’90, o Euita R.C. acadou certa estabilidade, tanto como clube, como a nivel deportivo nun equipo marcado polo contínuo cambio de xogadores debido á condición de estudantes da meirande parte deles, feito que por outra banda constituía unha parte sumamente importante do espírito do club, que se honra de ter tido xogadores de tódolos recunchos do mundo nas súas filas, e de ter un dos mellores ambientes do rugby galego no seu seo.

Euita RC vs Xabarín RC

Esta evolución supuxo que na tempada 1998-99, o Campus Lugo Euita R.C. realizará a súa máis brillante campaña, que o levou a rematar invicto na Liga Galega de Rugby baixo a dirección de Víctor Rodríguez e Trostky, disputando os play-offs de ascenso á Liga Nacional fronte ao Belenos R.C. de Avilés, e caendo derrotado tras unha igualdada eliminatoria a dobre partido. Esa tempada tamén marcou un punto de inflexión na traxectoria do clube, xa que supuxo a marcha de importantes xogadores con moitos anos no Euita nas súas costas, asumindo o posto de adestrador durante as tempadas seguintes José Manuel González ‘Chis’.

Coa chegada da tempada 2002-03 chegaron moitos trocos ao Euita R.C., o máis importante deles o acordo coa USC para pasar a ser a sección de rugby do Clube Deportivo da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta nova etapa tamén chegou ao club Antonio Vázquez, novo adestrador do equipo sénior masculino con experiencia como xogador na División de Honra con Oviedo R.C. e formado no Xabarín R.C..

A tempada 2002-03 supón unha crise no Euita R.C. co descenso por primeira vez na súa historia á Segunda División galega e a retirada do patrocinio da USC ao club.

Euita RC vs Belenos RC

Sen o respaldo económico da USC a tempada 2003-04 supón un novo reto para o Euita, que con vistas a acadar un maior apoio institucional e calado na sociedade lucense, e tamén movido pola necesidade de atopar un sponsor para afrontar os numerosos gastos que supón o funcionamento dun club de rugby, decídese que os equipos do Euita pasen a competir baixo a denominación de Muralla RC e iniciar un proxecto en común co resto do rugby lucense.

MURALLA RC

O Muralla RC iniciou a súa andaina baixo esa denominación na tempada 2003-2004 na Segunda División da Liga Galega de Rugby cun plantel de xogadores integrado na súa meirande parte por xogadores do Euita RC con varias incorporacións de ex-membros do Xabarín RC e baixo a dirección de Javier Martínez, acadando a volta á Primeira División galega ao primeiro intento.

A seguinte tempada do Muralla RC veu marcada pola incorporación de novos xogadores que reforzaron o plantel con vistas a loitar polo título e acadar o ascenso a Nacional, ascenso que se acadou finalmente tras unha brillante campionato na tempada 2005-06, militando en Nacional 1 durante as vindeiras 3 tempadas do 2006 ao 2009, ano no que descendeu de novo á Liga Galega de Rugby. As dúas primeiras tempadas en Nacional constituíron as mellores da historia do Muralla RC, cun plantel moi competitivo e baixo a dirección de Javier Martínez.

Tras a tempada 2008-2009 na que a crise no clube e a falta de xogadores se viu reflectida no descenso a Liga Galega de Rugby, o Muralla RC empezou o seu camiño de volta baixo a dirección deportiva do ex-xogador arxentino Edgardo Martínez que levou ao clube á terceira praza, contribuindo a estabilizalo na sua caída e tomando así o Muralla novas forzas e impulso. Na seguinte tempada 2010-11 Javier Liz continuou o proxecto de Edgardo Martínez e asumíu o posto de adestrador e director deportivo, creándose baixo a súa dirección as Escolas de Rugby do Muralla RC, rematando unha brillante tempada no cuarto posto e comezando as bases para establecer de novo as categorías inferiores do clube. Na tempada 12-13 restructúrase a LGR de novo en dúas divisións comezando o Muralla en Segunda, categoría na que despois de quedar en semifinais na tempada 12-13 acadaría o subcampionato ante Ferrol e ascenso tras un play-off con Lalín, voltando á LGR Primeira División para a tempada 14-15.

Nesa nova tempada en Primeira o Muralla RC deu a sorpresa e acadou in extremis o cuarto posto que daba acceso ao play-off polo título, eliminando a CR Ferrol nun partido de infarto e caendo derrotado na final diante de Ourense Rugby, conseguindo deste xeito o subcampionato da LGR na tempada 2014-15 logo de acadar o ascenso na anterior.

Logo de 5 tempadas baixo a dirección de Javi Liz, convertíndose este último no adestrador con máis tempadas ao frente do Muralla RC, Chester Parga asumíu as rendas do equipo nas tempadas 16-17 e 17-18 nas que o equipo cun plantel de xogadores renovado e moi curto loito pola permanencia en ambas, descendendo a Segunda División finalmente. A tempada 2018-19 asumíu as rendas do equipo Juan Carlos Arias, acadando a final de Segunda División pero sen acadar o ascenso.

Co inicio da tempada 2019-20 iniciouse unha nova etapa no equipo e no clube con Javi Dovale e Artai González como adestradores,

EQUIPO FEMININO

Tanto Xabarín RC como Euita RC foron pioneiros do rugby feminino lucense, con equipos femininos nos anos 90 e principios dos 2000. Na tempada 2013-14 o rugby feminino volveu a Lugo desta vez do herdeiro de ambos clubes, o Muralla RC, acadando volver a inscribir en competición un equipo de mulleres que fixo un gran papel nesa a súa primeira tempada, baixo a dirección de Noé López e Dani Sever, con xogadoras pouco experimentadas, as cales na súa maior parte era o seu primeiro contacto con este deporte.

Despois desta primeira tempada de creación, na segunda tempada da historia do Muralla RC Feminino, será Miguel Anxo García Grandas quen dirixa ao equipo, relevado por Marta Castro Girona na tempada 2015-16, tempada na que se acadaría o título de liga, collendo as rendas na tempada 2016-17 un histórico do rugby lucense como é Luis Javier Martínez ‘Gogó’. Edgardo Martínez voltou ao clube para dirixir ao equipo feminino durante as tempadas 2017-2019 na que se disputou a fase de ascenso a DH novamente, acadando na derradeira tempada a segunda posición da LGR Feminina, que deu lugar a conseguir unha praza na recén creada DHB Feminina.


HISTORIA DO MURALLA RC NAS COMPETICIÓNS

Equipo masculino

1989-90 Liga Galega de Rugby*
1990-91 LGR Primeira División*
1991-92 LGR Primeira División*
1992-93 LGR Primeira División*
1993-94 LGR Primeira División*
1994-95 LGR Primeira División*
1995-96 LGR Primeira División*
1996-97 LGR Primeira División*
1997-98 LGR Primeira División*
1998-99 LGR Primeira División* | 1º
1999-00 LGR Primeira División*
2000-01 LGR Primeira División*
2001-02 LGR Primeira División*
2002-03 LGR Primeira División* | D
2003-04 LGR Segunda División | 1º | A
2004-05 LGR Primeira División | 1º
2005-06 LGR Primeira División | 1º | A
2006-07 Liga Nacional I FER
2007-08 Liga Nacional I FER
2008-09 Liga Nacional I FER | D
2009-10 LGR Primeira División | 3ª pos.
2010-11 LGR Primeira División | 4ª pos.
2011-12 LGR Primeira División | 7ª pos. | D**
2012-13 LGR Segunda División | 3ª pos.
2013-14 LGR Segunda División | 2ª pos. | A
2014-15 LGR Primeira División | Subcampións
2015-16 LGR Primeira División | 8ª | D***
2016-17 LGR Primeira División | 8ª | D
2017-18 LGR Segunda División | 3ª pos.
2018-19 LGR Segunda División | 2ª pos. | A
2019-20 LGR Primeira División | 6º pos.
2020-21 LGR Primeira División | 5ª pos.
2021-22 LGR Primeira División |
2022-23 LGR Segunda División | 2º pos. | A
2023-24 LGR Primeira División

*= Baixo o nome de Euita RC
**=Restructuración da LGR en dúas divisións
***= Recuperada praza play-off repesca
A= Ascenso
D= Descenso

Equipo feminino

2013-14 LGR Feminina
2014-15 LGR Feminina
2015-16 LGR Feminina | 1ª | Fase Ascenso DH
2016-17 LGR Feminina | 2ª
2017-18 LGR Feminina | 1ª pos. | Fase Ascenso DH
2018-19 LGR Feminina | 2ª pos. | A
2019-20 LGR Feminina | 2ª pos. / División de Honor B 7ª pos.

A= Ascenso
D= Descenso

ADESTRADORES MASCULINO

1998-1999 Víctor Rodríguez  /  J. Ángel Martín ‘Trosky’
1999-2002 José M. González ‘Chis’
2002-2003 Antonio Vázquez
2003-2007 Luis Javier Martínez ‘Gogó’
2007-2008 Pepe Rois
2008-2009 Dani Pereira / Lucky Parga
2009-2010 Edgardo Martínez
2010-2015 Javier Liz
2015-2016 Chester Parga / Dani Pereira
2016-2017 Chester Parga
2017-18 Alfredo Pintor / Juan Carlos Arias
2018-19 Juan Carlos Arias
2019-23 Javi Dovale / Artai González
2023-24 Artai González

ADESTRADORES FEMININO

2013-2014 Noé López / Dani Sever
2014-2015 M. Anxo García
2015-2016 Marta Castro
2016-2017 Luis Javier Martínez ‘Gogó’
2017-19 Edgardo Martínez
2019-20 Jos Porto / Rogelio Sabio