Derby provincial para comezar a tempada

6 10 2018

LGR S14 Norte: Muralla RC vs BeOne Ribadeo Rugby

Hoxe sábado 6 de outubro no Gregorio Pérez Rivera ás 16:30 horas, comeza a competición para o Muralla R.C., e farao coa categoría sub-14 diante do outro clube da provincia o Be One Ribadeo Rugby. Un partido que promete ser disputado, xa que é a segunda tempada para os dous equipos na liga galega e ambos veñen de enfrontarse nun partido amigable a pasada fin de semana en Tapia de Casariego con vitoria pola mínima para o equipo de Ribadeo. Por parte do Muralla debutarán sete novos xogadores, cinco deles ascendidos dende a Escola de Rugby, Brais Díaz, Roi Serén, Guillermo Núñez, Mateo Borrego e Pablo Tubío, que se suman a Diego Filgueiro e Pablo Serrano que se uniron este ano á disciplina do clube.

Screen Shot 2018-10-06 at 11.13.21

Os equipos senior e sub-16 agardan polo debut

A principal novidade desta tempada será o debut do equipo Sub-16 que neste primeiro ano de competición unirase a Ribadeo Rugby disputando os encontros como Muralla BeOne Ribadeo. O debut terá lugar o sábado 13 en Lugo, ás 16:30 horas, recibindo a Pontevedra RC na primeira xornada.

Pola súa banda, o equipo masculino entrará en competición a vindeira fin de semana na Segunda División da Liga Galega de Rugby viaxando a Pontevedra para medirse a Mareantes RCP, na segunda xornada de liga, xa que o partido da primeira xornada que debería disputarse tamén hoxe diante de Zalaeta, aprazouse para o día 20 de outubro ás 16:30 horas en Lugo. Ese mesmo día comezará a súa andaina tamén na casa o equipo feminino, recibindo ás 18:00 h a Santiago RC.

Advertisements




I Torneo de Iniciación Tag Rugby

25 09 2018

O Muralla RC celebrará este xoves (20:00 h, Gregorio Pérez Rivera) un torneo mixto de iniciación ao Tag Rugby orientado á comunidade universitaria pero no que poderá participar calquera persoa interesada. O Tag Rugby é unha modalidade de rugby sen contacto no que o obxectivo para anular a un contrario é arrincar unhas cinta que portan todos os xogadores suxeitas a un cinto.

Screen Shot 2018-09-25 at 11.56.37

Todos os que desexen participar poden achegarse polo Estadio G. Pérez Rivera onde se lles darán unhas nocións básicas para disfrutar desta modalidade e se lles asignará un equipo para o torneo.

O evento, enmarcado nunha campaña do clube por captar novos membros dentro da comunidade universitaria, pretende ser un primeira toma de contacto con este deporte aos interesados dunha maneira segura ao evitarse o contacto e animar deste xeito aos non iniciados a probar esta modalidade.

Tras o torneo terá lugar un terceiro tempo con comida e bebida de balde para os participantes que se celebrará no Local Social do Muralla RC.





Fin de semana intenso en As Pontes

7 09 2018

As Pontes convírtese nesta fin de semana no epicentro do rugby galego coa celebración de xornadas de formación para monitores das Escolas, formación para delegados de clube e de campo e unha fin de semana de tecnificación coa selección galega sub-14 xornada que contará coa presenza de catro xogadores do Muralla RC.

Como parte da firme aposta do Muralla polas categorías inferiores acudirán ás xornadas de formación 11 membros do clube que se suman aos que recentemente tomaron parte nos cursos de adestrador de Nivel I impartidos pola FGR e que pasan a engrosar o grupo de persoas a disposición do clube para facerse cargo dunha Escola de Rugby que non para de medrar e unha Academia que pouco a pouco vai collendo tamén forma.

En As Pontes tamén se darán cita os xogadores do equipo sub-14 Anxo Seijas, Vento Díaz, Rodrigo Armesto e Manuel Pizarro, quen foron convocados pola selección galega para unha finde semana de tecnificación.

DSC_0406

Novidades da nova tempada

Coa pretempada xa en marcha nos equipos senior as principais novidades son o nomeamento de Edgardo Martínez como director deportivo do clube, quen continuará como adestrador tamén do equipo feminino.

No equipo masculino Juan Carlos Arias tomará as rendas en solitario do equipo logo dunha tempada con Alfredo Pintor dirixindo ao conxunto e quedando ás portas da final da LGR2. Dende o clube queremos transmitir o noso agradecemento pola dedicación tempo a Alfredo, quen non se desvinculará do Muralla, e seguirá colaborando con nós.

Ambos equipos senior acusarán as baixas, co equipo feminino con bastantes posibilidades de non saír a competir pola marcha de moitas xogadoras e a imposibilidade de substituílas, mentres que o masculino tamén terá que incorporar novos efectivos de aquí ao comezo de liga para garantir un equipo en condicións.

Outra das principais novidades será a inscrición do equipo sub-16 en competición conxuntamente con Ribadeo Rugby neste primeiro ano, equipo que competirá co nome de Muralla BeOne Ribadeo alternando os encontros como local entre Lugo e Ribadeo. Deste xeito, coas categorías da Escola completas, a Academia suma un equipo máis despois da estrea do sub-14 na pasada tempada, sendo a creación do equipo sub-18 o seguinte chanzo nos obxectivos da Academia en vindeiras tempadas.

Adestramentos e renovación do convenio coa USC

Os horarios dos adestramentos quedan do seguinte xeito:

– Escola (Sub-6 ata Sub-12): Lun, Ven 19.00 h
– Academia (Sub-14 e Sub-16): Lun, Mér*, Ven, 19:00 h
– Senior masculino e feminino: Lun, Mér, Xov, 20.00 h
– Escola USC: Mér, 20.00 h

Neste mes de setembro os interesados en probar na Escola e Academia teñen a oportunidade de achegarse polos adestramentos sen compromiso, adestramentos que comezan o vindeiro día 10 de setembro para a Escola, aínda que o comezo oficial será o 1 de outubro (matrículas dende o 15 de setembro).  En relación á Escola o pasado día 3 o clube organizou na Praza de Augas Férreas unha xornada de captación e promoción das categorías inferiores do clube sendo numerosos os pais e nais que se interesaron pola actividade e tamén os nenos e nenas que se uniron ás actividades realizadas.

A Escola, un ano máis, formará parte das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Lugo.

Os mércores a comunidade universitaria do Campus de Lugo poderá por segundo ano achegarse ao rugby mediante un convenio entre a USC e noso clube mediante o cal poden obter créditos de libre configuración pola asistencia ás clases/adestramentos e inciarse no deporte do rugby.

Partidos de pretempada

Cos equipos senior aínda incorporando xogadores, a primeira cita de partidos de preparación será o vindeiro 15 de setembro, cun amigable triangular en Tapia de Casariego (Asturias) para o equipo masculino diante de All-Rugby de Llanera e Fendetestas.





🔴 Streaming: Muralla RC vs CDU Zaragoza

27 04 2018

Fase de Ascenso á Liga Iberdrola | Xornada 3 | 28 abril, 16:00 horas
En directo dende o Estadio Gregorio Pérez Rivera, Lugo
Nos comentarios: Óscar Poy e Miguel Anxo García.





O equipo feminino recibe mañá a CDU Zaragoza na fase de ascenso

27 04 2018

O equipo feminino recibe mañá a CDU Zaragoza na fase de ascenso

O equipo feminino do Muralla recibe mañá no Gregorio Pérez Rivera a CDU Zaragoza na terceira e derradeira xornada da fase de liguiña nos play-offs de ascenso a Liga Iberdrola. Ambos equipos, sen posibilidades para pasar a semifinais intentarán acadar a vitoria nun encontro que se presenta a priori máis igualado que os dous anteriores ante La Única e GEiEG, dous rivais de gran entidade que se xogarán nesta xornada o primeiro posto no Grupo Norte.

Para o encontro o adestrador Edgardo Martínez deberá superar o ‘handicap’ da ausencia de tres importantes xogadoras, Maitane Buján, Jessica Martín e Judith Hernández, que foron convocadas coa selección de Galicia de Seven para disputar nesta fin de semana o Campionato de España en Cullera, Valencia.

30738842_362691837583317_8723836781637664768_o

Foto: Mairaphotosport

As mulleres do Muralla intentarán rematar esta Fase de Ascenso con bo sabor de boca ofrecendo á afección do clube a vitoria.

O encontro terá lugar mañá sábado ás 16:00 horas no escenario habitual do Estadio G. Pérez Rivera e será dirixido polo Sr. Noriega (Asturias).

Xornada de adestramento e portas abertas en Rábade

A Escola de Rugby do Muralla RC celebrará mañá un adestramento e xornada de portas abertas no Campo Municipal de Rábade a partir das 11:00 horas. Aos máis de 60 nenos e nenas da Escola, que abrangue as categorías dende Sub-6 ata Sub-12, uniranse tamén unha representación de CR Fendetestas de As Pontes.

A xornada tamén servirá para achegar aos nenos e nenas de Rábade e a súa contorna o deporte do rugby e complementará as visitas e adestramentos de promoción que se veñen celebrando durante toda a tempada nos centros escolares de dita vila e concellos limítrofes como Outeiro de Rei. Despois da xornada, que conta coa colaboración do Concello de Rábade, todos estarán convidados a un xantar no propio campo.





Fase de Ascenso: GEiEG vs Muralla RC

20 04 2018

O equipo feminino do Muralla RC viaxa este sábado a Girona na segunda xornada da fase de ascenso para enfrontarse nun complicado partido ao potente GEiEG, un dos principais favoritos ao ascenso.

Logo da derrota na primeira xornada diante de La Única RT, as campioas da Liga Vasca, nesta segunda o reto aínda é maior, xa que as campioas catalás da Liga Kopparberg teñen un conxunto moi potente, vencendo con autoridade nunha competición de gran nivel.

O encontro valerá, como o anterior para gañar experiencia e medirse a rivais de maior entidade nunha fase de ascenso que o Muralla afronta como o comezo do camiño de preparación de cara a vindeira tempada na que hai a posibilidade da creación dunha División de Honor B para a que o Muralla estaría clasificado como campioas da Liga Galega.

FOTO: Mairaphotosport

FOTO: Mairaphotosport

GEiEG amosouse intratable na primeira xornada, varrendo do campo a CDU Zaragoza cun resultado de 0-87, o que amosa á clara a superioridade de GEiEG, superioridade tamén respaldada a nivel de entidade xa que é un clube histórico fundado en 1919 con 23 seccións deportivas e nada máis e nada menos que 16.500 socios, sendo creada a sección de rugby no ano 1971.

O encontro terá lugar mañá sábado ás 16:30 horas no campo de rugby de Palau Sacosta de Girona.

············

Fase de Ascenso á Liga Iberdrola, xornada 2:

S21, 16:30 h | GEiEG vs Muralla RC
D22, 10:30 h | CR El Salvador vs Les Abelles RC
D22, 12:00 h | La Única RT vs CD Universidad Zaragoza
D22, 12:30 h | Universitario Sevilla CR vs AD Ingenieros Industriales





O Muralla caeu ante un La Única superior

15 04 2018

O equipo feminino do Muralla caeu derrotado na primeira xornada da Fase de Ascenso ante un equipo de La Única RT superior as lucenses, aínda que non tanto como reflectíu o marcador ao final dos oitenta minutos.

No primeiro tempo La Única acadaba vantaxe cun guión moi similar en todos os ensaios, superando a defensa do Muralla na banda con potencia e velocidade ou por superioridade numérica logo de agrupar a unha defensa rival que non era quen de reequilibrar a súa liña defensiva.

Aínda que no marcador as visitantes se despegaban no campo non se reflectía tanto dita superiodade, con fases nesta primeira parte nas que incluso o Muralla dominou territorialmente ás navarras. Pero a superioridade de La Única cunha liña máis incisiva en ataque era clara, mentres que en dianteira as mulleres adestradas por Edgardo Martínez daban a cara, dominando as touches e as melés pero perdendo a posesión en moitos rucks chegándose ao descanso co marcador de 10-28 con dous ensaios do Muralla por medio de Corrales e de Janeiro.

No segundo tempo o guión repetíase nos ensaios  das visitantes, o Muralla non tiraba a toalla e seguía loitando. Unha expulsión temporal de Vero Marí deixaba 10 minutos ao Muralla cunha muller menos aínda que lograban aproximarse en varias ocasións á liña de ensaio rival pero sen acadar o froito desexando mentres que a efectividade de La Única deixaba as claras a superioridade do conxunto visitante que deixaba o marcador en 10-45 ao final do partido.

No outro partido do Grupo Norte GEiEG non tivo piedade con CDU Zaragoza endosándolle un 0-87 que deixa claro que as catalás son unhas das favoritas de cara o ascenso. Complicada visita polo tanto para o Muralla o vindeiro sábado ás 16:30 horas no que viaxa a Girona para enfrontarse a GEiEG na segunda xornada.

······························

MURALLA RC 10 (10): Paula Ben (Lili Manrique ’78), Coro Repullés, Mariona Bordas (Ángela de la Orden ’76); Carmen Janeiro, Taylor Grzywacz; Alba Mur (Daniela Hernández ’66), Marta Castro (Valle Viñas ’40), Judith Hernández; María Veiga (C), Raquel Fernández; Iris Vega (Jone Cornejo ’66), Vero Marí, Lucía Corrales, Jessica Martín; Chelsea Neukum (Maitane Buján ’41).

– Ensaios: Corrales, Janeiro.
– Sin bin: Marí.

LA ÚNICA RT 45 (28): Ana Sospedra, Haizea Donamaria (Ivet Frances ’77), Clara Liso (Ane Zabalza ’44); Haize Goñi, Nahia Jiménez; Ixiar Braco (Ekhiñe Armendia ’74), Miren Irigoyen, Irene Ruíz de Erenchun; Ainhoa Díaz (C) (Maialen Marturet ’77), Arantxa Ursua; Tecla Masoko (Laura López ’77), Irene Reyes (Leire Rodríguez ’66), Ana Mariñelarena, Maddi Braco (Victoria Allo ’70); Noelia Telletxea.

– Ensaios: Irigoyen (2), Mariñelarena (2), M. Bracco, Masoko, Allo.

– Transformacións: Ursua (5).








%d bloggers like this: