Masculino, S-14 e Escola en acción esta fin de semana á espera da final da LGR Feminina e fase de ascenso a DH

15 02 2019

LGR Segunda División: Vigo vs Muralla

O Muralla RC viaxa a Vigo na penúltima xornada da fase regular da Segunda División da Liga Galega nun desprazamento complicado marcado polas numerosas baixas por lesión coas que está a encarar os últimos partidos o equipo masculino.

Co segundo posto acadado matematicamente a falta de dúas xornadas para o final da liga regular, o equipo masculino do Muralla asegura deste xeito a clasificación para os play-offs polo título e ascenso e asegúrase os factor campo nas semifinais perante o terceiro clasificado.

Para o encontro deste sábado os homes adestrados por Juan Carlos Arias deberán aplicarse a fondo, non só por mor das baixas senón tamén porque diante terán un equipo en progresión ascendente que está inmerso na loita por acadar o cuarto posto e entrar nos playoffs.

O partido terá lugar este sábado ás 17:00 horas no Estadio Universitario de Vigo.

O equipo feminino clasificado para a fase de ascenso á espera da final da Liga Galega

O equipo de feminino, Muralla-Campus Ourense, logo da vitoria na pasada xornada diante de Lalín, asegúrase tamén o segundo posto e o pase á final da Liga Galega diante do segundo XV de CRAT.

A final que se disputará a fin de semana do 2/3 de marzo na casa de CRAT B suporía para o campión a clasificación para a fase de ascenso a División de Honor estatal pero dado que CRAT conta co primeiro equipo en División de Honor non pode disputar dita fase, tendo deste xeito o Muralla asegurado dito pase aínda perdendo na final.

Iso si, da final sairá o equipo campión da Liga Galega Feminina, unha honra que sería por terceira vez para o Muralla en caso de acadar o trunfo, nunha liga na que as lucenses e CRAT dominaron a liga regular.

Fin de semana con actividade para a Escola de Rugby e o equipo Sub-14

A Escola de Rugby do Muralla desprazarase á concentración organizada por CR Lalín na mañá do sábado. Máis de 50 nenos e nenas do Muralla disfrutarán dunha xornada de rugby, nunhas Concentracións de Rugby Base que non deixan de medrar nos derradeiros anos e que son a semente do rugby do futuro en Galicia.

Pola súa banda o equipo Sub-14, Clínica Villamarín Muralla, que nesta tempada conta con presenza de xogadoras cedidas por CR Fendetestas, recibirá o domingo en As Pedreiras a Os Ingleses RC en partido correspondente á segunda fase da LGR Sub-14 na disputa polos postos do 5º ao 8º. O encontro dará comezo ás 12:00 horas.


Accións

Information




%d bloggers like this: