Comezo da liga para o masculino, debut dos Sub-16 e boas novas para o feminino

12 10 2018

LGR Segunda División: Mareantes RCP vs Muralla RC

O equipo masculino do Muralla viaxa o sábado a Pontevedra no primeiro partido da tempada para medirse a Mareantes RCP nun partido no que os homes adestrados por Juan Carlos Arias intentarán comezar con bo pé o campionato. O partido corresponde á segunda xornada, xa que o partido da primeira contra Zalaeta foi aprazado para o vindeiro día 20.

O Muralla como novidade contará cos debutantes Nico López, Xavi Piñeiro, Tomás Ortiz e Jean Carlos Díaz, xunto coa volta aos campos dun veterán como Antonio González ‘Pelusa’ e o regreso de Dani Pereira ‘Pelado’ logo dun par de tempadas alonxado do clube.

O equipo afrontará este primeiro partido algo xusto de efectivos con varios xogadores aínda por incorporarse e a ausencia de outros por motivos laborais, nunha tempada de transición e consolidación na que o equipo masculino incorpora varios xogadores en formación.

O encontro terá lugar este sábado 13 de outubro ás 16:00 horas no Campo de Rugby de Monteporreiro, Pontevedra.

LGR Sub-16: Muralla BeOne Ribadeo vs Pontevedra RC

Tamén este sábado o equipo Sub-16 estréase diante da afición lucense. Nesta primeira tempada o equipo sae a competición en asociación con Ribadeo Rugby, que incorpora 5 xogadores ao conxunto Sub-16, competindo baixo a denominación Muralla BeOne Ribadeo.

Xunto co equipo Sub-14, xa no seu segundo ano de competición, o equipo Sub-16 constitúe o segundo paso na Academia de Rugby do Muralla que pretende abranguer as categorías Sub-14, Sub-16 e Sub-18, logo da consolidación da Escola de Rugby que conta coas categorías Sub-6, Sub-8, Sub-10 e Sub-12.

Para o debut o Muralla terá o complicado papel nesta xornada de estrea de medirse Pontevedra RC, unha clube cunha moi boa canteira, que non llo poñerá nada doado aos rapaces e rapazas adestrados por Fernando Regueiro.

O encontro terá lugar este sábado ás 16:30 horas no Estadio Gregorio Pérez Rivera.

O equipo feminino do Muralla sairá finalmente a competición con Ourense

Finalmente hai boas novas para o equipo feminino que finalmente tras chegar a un acordo con Campus Ourense ambos clubes sacarán un equipo feminino conxunto co nome de Muralla Campus Ourense para disputar a LGR Feminina, alternando partidos como local entre Lugo e Ourense e coa intención de ambos clubes de proseguir os camiños por separado na vindeira tempada e na Copa Xunta.

Tal é a precariedade do rugby feminino en Galicia, de gañar a liga e disputar unha fase de ascenso a case non poder sacar equipo a competición. Pero non é só problema do Muralla, todos os clubes presentaron dificultades para sacar equipo por falta de xogadoras. En definitiva un acordo que é positivo para ambos clubes e para a LGR Feminina que contará con 5 equipos: Muralla Campus Ourense, Lalín, Vigo, Santiago e o segundo equipo de CRAT.

A tempada para o equipo feminino comezará o vindeiro sábado 20 ás 18:00 h recibindo en Lugo a Santiago RC.

Advertisements

Accións

Información




%d bloggers like this: