Fin de semana intenso en As Pontes

7 09 2018

As Pontes convírtese nesta fin de semana no epicentro do rugby galego coa celebración de xornadas de formación para monitores das Escolas, formación para delegados de clube e de campo e unha fin de semana de tecnificación coa selección galega sub-14 xornada que contará coa presenza de catro xogadores do Muralla RC.

Como parte da firme aposta do Muralla polas categorías inferiores acudirán ás xornadas de formación 11 membros do clube que se suman aos que recentemente tomaron parte nos cursos de adestrador de Nivel I impartidos pola FGR e que pasan a engrosar o grupo de persoas a disposición do clube para facerse cargo dunha Escola de Rugby que non para de medrar e unha Academia que pouco a pouco vai collendo tamén forma.

En As Pontes tamén se darán cita os xogadores do equipo sub-14 Anxo Seijas, Vento Díaz, Rodrigo Armesto e Manuel Pizarro, quen foron convocados pola selección galega para unha finde semana de tecnificación.

DSC_0406

Novidades da nova tempada

Coa pretempada xa en marcha nos equipos senior as principais novidades son o nomeamento de Edgardo Martínez como director deportivo do clube, quen continuará como adestrador tamén do equipo feminino.

No equipo masculino Juan Carlos Arias tomará as rendas en solitario do equipo logo dunha tempada con Alfredo Pintor dirixindo ao conxunto e quedando ás portas da final da LGR2. Dende o clube queremos transmitir o noso agradecemento pola dedicación tempo a Alfredo, quen non se desvinculará do Muralla, e seguirá colaborando con nós.

Ambos equipos senior acusarán as baixas, co equipo feminino con bastantes posibilidades de non saír a competir pola marcha de moitas xogadoras e a imposibilidade de substituílas, mentres que o masculino tamén terá que incorporar novos efectivos de aquí ao comezo de liga para garantir un equipo en condicións.

Outra das principais novidades será a inscrición do equipo sub-16 en competición conxuntamente con Ribadeo Rugby neste primeiro ano, equipo que competirá co nome de Muralla BeOne Ribadeo alternando os encontros como local entre Lugo e Ribadeo. Deste xeito, coas categorías da Escola completas, a Academia suma un equipo máis despois da estrea do sub-14 na pasada tempada, sendo a creación do equipo sub-18 o seguinte chanzo nos obxectivos da Academia en vindeiras tempadas.

Adestramentos e renovación do convenio coa USC

Os horarios dos adestramentos quedan do seguinte xeito:

– Escola (Sub-6 ata Sub-12): Lun, Ven 19.00 h
РAcademia (Sub-14 e Sub-16): Lun, M̩r*, Ven, 19:00 h
РSenior masculino e feminino: Lun, M̩r, Xov, 20.00 h
РEscola USC: M̩r, 20.00 h

Neste mes de setembro os interesados en probar na Escola e Academia teñen a oportunidade de achegarse polos adestramentos sen compromiso, adestramentos que comezan o vindeiro día 10 de setembro para a Escola, aínda que o comezo oficial será o 1 de outubro (matrículas dende o 15 de setembro).  En relación á Escola o pasado día 3 o clube organizou na Praza de Augas Férreas unha xornada de captación e promoción das categorías inferiores do clube sendo numerosos os pais e nais que se interesaron pola actividade e tamén os nenos e nenas que se uniron ás actividades realizadas.

A Escola, un ano máis, formará parte das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Lugo.

Os mércores a comunidade universitaria do Campus de Lugo poderá por segundo ano achegarse ao rugby mediante un convenio entre a USC e noso clube mediante o cal poden obter créditos de libre configuración pola asistencia ás clases/adestramentos e inciarse no deporte do rugby.

Partidos de pretempada

Cos equipos senior aínda incorporando xogadores, a primeira cita de partidos de preparación será o vindeiro 15 de setembro, cun amigable triangular en Tapia de Casariego (Asturias) para o equipo masculino diante de All-Rugby de Llanera e Fendetestas.

Advertisements

Accións

Información




%d bloggers like this: