Fin de semana decisiva para o Muralla

16 03 2018

Final LGR Feminina: Muralla RC vs CR Lalín

Lugo acolle mañá a final da Liga Galega Feminina de Rugby na que o Muralla intentará acadar o título de liga fronte do seu principal rival nesta tempada, CR Lalín, un equipo nunca doado e que tentará de augarlle a festa ao Muralla nunha final na que ademais de obter o título ligueiro o clube campión clasificarase para disputar a fase de ascenso á Liga Iberdrola, a primeira división do rugby feminino estatal.

De lograr o título suporía o segundo para o equipo feminino do Muralla, o anterior acadado na tempada 2015-16 o que amosa a progresión en pouco tempo dunha escadra formada tan só en 2013.

As mulleres adestradas por Edgardo Martínez logo de rematar a liga regular imbatidas buscarán porlle a guinda á liga cunha nova vitoria no día de mañá no Gregorio Pérez Rivera diante das Abellonas que acudirán a Lugo mermadas polas baixas. A pesar delo as do Deza son un equipo moi loitador polo que o Muralla deberá saír concentrado xa que nunha final a un partido todo pode acontecer.

2.jpg

Como precedente, nos dous enfrontamentos na liga regular o Muralla resultou vencedor aínda que foron partidos moi igualados nos que as lucenses tiveron que aplicarse a fondo na segundas partes para acadar a vitoria.

A final terá lugar mañá, sábado 17 de marzo ás 17:00 horas no Estadio Gregorio Pérez Rivera.

A cuestión da División de Honor B

Aínda que non é oficial aínda, cabe a posibilidade de que na vindeira tempada se cree unha nova división intermedia entre a Liga Iberdrola e as ligas rexionais, e barállase que os equipos campións de cada liga rexional pasen a formar parte desa nova ‘segunda división’ do rugby español feminino polo que se finalmente se materializa a creación desa liga o campión da Liga Galega disputaría a vindeira tempada a División de Honor B.

6

O que si é seguro é que o campión disputará no mes de abril e maio a fase de ascenso á Liga Iberdrola, nunha dura competición nunha primeira fase de liguiña e unha segunda de eliminatorias das que sairá un equipo que ascendería directo e un subcampión que disputaría un play-off ante o penúltimo equipo da Liga Iberdrola.

Nesta fase de ascenso o Muralla de resultar campión da Liga Galega xogaría encadrado no seu grupo cos clubes campións de Aragón, Euskadi e Cataluña.

Semifinal LGR Segunda División: CR Fendetestas vs Muralla RC

O equipo masculino do Muralla RC disputa este domingo en As Pontes unha das semifinais da Segunda División da Liga Galega de Rugby a partido único diante de CR Fendetestas, partido que fora aprazado na pasada fin de semana por mor do temporal.

O gañador do partido xogará a final da liga diante de CD Zalaeta, vencedor da outra eliminatoria que os enfrontou a Santiago RC por un axustado marcador de 8-3.

O Muralla logo de clasificarse in extremis no cuarto posto para os play-offs xogarase o pase á final diante do equipo que rematou na primeira posición a liga regular, Fendetestas, que parten como claros favoritos para o partido ao xogar como locais, e logo de rematar a liga regular con só un partido perdido e vencer na liga ao Muralla en Lugo e As Pontes.

Os homes adestrados por Alfredo Pintor chegan as semifinais logo de sufrir moito durante toda a liga na que a constante foi a irregularidade por mor do curto plantel de xogadores e as baixas coas que afrontaron todos e cada un dos partidos. Aínda así tentarán dar a sorpresa en As Pontes nunha semifinal a partido único que se prevé dura e que sen dúbida será disputada.

Como premio, o gañador accederá á final da LGR Segunda División, final na que se dilucidará quen é o campión da tempada 2017-18 o cal ascenderá directamente á Primeira División galega. O subcampión terá unha segunda oportunidade de ascender no mes de abril diante de CR Lalín de primeira, no play-off de permanencia da LGR1.

O encontro terá lugar este domingo ás 12:30 horas no Campo de Rugby Monte Medulio de As Pontes.

Concentración de Rugby Base de Compostela

As actividades do clube na fin de semana complétanse coa Concentración de Rugby Base de Compostela, organizada por Santiago RC, e a que acudirá a Escola de Rugby do Muralla RC que a Compostela a 41 nenos e nenas de categorías Sub-6, Sub-8, Sub-10 e Sub-12.

O torneo terá lugar na mañá do sábado no Estadio de Santa Isabel da capital galega.

Na xornada do sábado tamén haberá participación de dous xogadores do Muralla, Julio Ortiz e Manuel Pizarro coa selección Sub-14 de Galicia nun partido diante de Castilla-y-León en Ponferrada.

Advertisements

Accións

Información




%d bloggers like this: