Semifinal cicloxénica en As Pontes

9 03 2018

O equipo masculino do Muralla RC disputa este sábado en As Pontes unha das semifinais da Segunda División da Liga Galega de Rugby a partido único diante de CR Fendetestas.

O gañador do partido xogará a final da liga diante do vencedor da outra eliminatoria que enfronta a CD Zalaeta Arteixo e Santiago RC.

O Muralla logo de clasificarse in extremis no cuarto posto para os play-offs xogarase o pase á final diante do equipo que rematou na primeira posición a liga regular, Fendetestas, quenes parten como claros favoritos para o partido ao xogar como locais, e logo de rematar a liga regular con só un partido perdido e vencer na liga ao Muralla en Lugo e As Pontes.

Os homes adestrados por Alfredo Pintor chegan as semifinais logo de sufrir moito durante toda a liga na que a constante foi a irregularidade por mor do curto plantel de xogadores e as baixas coas que afrontaron todos e cada un dos partidos. Aínda así tentarán dar a sorpresa en As Pontes nunha semifinal a partido único que se prevé dura, no climatolóxico tamén, e que sen dúbida será disputada.

Como premio, o gañador accederá á final da LGR Segunda División, final na que se dilucidará quen é o campión da liga da tempada 2018-19 o cal ascenderá directamente á Primeira División galega. O subcampión terá unha segunda oportunidade de ascender no mes de abril diante de CR Lalín de primeira, no play-off de permanencia da LGR1.

O encontro terá lugar este sábado 10 de marzo ás 17:00 horas no Campo de Rugby do Monte Medulio de As Pontes e será arbitrado polo Sr. Cobas.

Advertisements

Accións

Información




%d bloggers like this: