Doble enfrontamento Muralla-Vigo na tarde do sábado no Gregorio Pérez Rivera

26 01 2018

O Gregorio Pérez Rivera acollerá o sábado unha intensa tarde de rugby cun doble enfrontamento entre os equipos masculino e feminino de Muralla e Vigo na Liga Galega de Rugby nas súas correspondentes categorías. A xornada complétase coa visita do equipo Sub-14 a Pontevedra RC na segunda fase da LGR S14.

LGR Feminina: Muralla RC vs Vigo RC

O equipo feminino do Muralla terá unha nova proba este sábado no seu camiño cara a final da LGR Feminina. As mulleres dirixidas por Edgardo Martínez reciben a Vigo RC na xornada 7 de liga e tentarán acadar unha nova vitoria que lles permita continuar coa súa condición de invictas e líderes da Liga Galega.

As lucenses xunto con Lalín perfílanse como as dúas finalistas, coas do Deza a tres puntos do Muralla na segunda posición, dominando ambos equipos o campionato autoritariamente con 25 e 22 puntos respectivamente e cunha distancia abismal con respecto o terceiro posto ocupado por Ourense con só 6 puntos.

Aínda que case clasificadas matematicamente para a final, que enfrontará en marzo a primeiro contra segundo clasificado, rematar a liga regular en primeira posición é de suma importancia, xa que a final disputarase a partido único na casa do mellor clasificado.

Vigo ocupa o derradeiro posto, pero aínda que poidera preverse un encontro doado para o Muralla sobre o papel, na realidade a diferencia non é tanta polo que as mulleres do Muralla deberán aplicarse para continuar na loita no seu camiño cara a final e, porque non, soñar con disputar a vindeira tempada a División de Honor B.

O encontro terá lugar este sábado ás 16:30 horas no Estadio G. Pérez Rivera.

LGR Segunda División: Muralla RC vs Vigo RC

O equipo masculino tamén recibe a Vigo na tarde do sábado, co obxectivo de acadar 5 puntos que lle permitan asaltar o cuarto posto da Segunda División galega ocupado por Santiago cos mesmos puntos que o Muralla, 28, e distanciarse de Vigo, que se atopan xusto detrás dos lucenses a catro puntos.

Os homes adestrados por Alfredo Pintor reencontráronse coa vitoria na pasada xornada diante dun mermado Ourense logo dunha mala xeira de resultados que os alonxaron momentáneamente dos catro primeiros postos de play-off polo título e ascenso.

O encontro terá lugar ás 18:00 horas no Estadio G. Pérez Rivera a continuación do encontro do equipo feminino.

LGR Sub-14: Pontevedra RC vs Muralla RC

O equipo sub-14 do Muralla comeza a segunda fase da LGR Sub-14 viaxando a Pontevedra. Logo dunha primeira fase dividida xeográficamente en dous grupos, Norte e Sur, nesta segunda disputaranse de novo en dous grupos, un polo título entre os mellores clasificados e outro polos postos 5º a 8ª que será o que dispute o Muralla xunto con Ribadeo, Pontevedra e Ingleses de Vilagarcía.

O encontro terá lugar tamén o sábado 27 ás 16:00 horas no Campo de Rugby de Monteporreiro da cidade do Lérez.

················································································

Clasificacións:

· LGR Feminina
· LGR Segunda División
· LGR S14

Advertisements

Accións

Información




%d bloggers like this: