Volta á competición logo do descanso de Nadal

12 01 2018

Os equipos do Muralla RC voltan a competición despois do descanso de Nadal con tres partidos na fin de semana.

O equipo masculino viaxa o domingo a A Coruña na xornada 11 da LGR Segunda División para visitar a CD Zalaeta nun partido no que os homes adestrados por Alfredo Pintor intentarán acadar un resultado positivo diante dun dos equipos chamados a loitar polo ascenso. Para o encontro os lucenses recuperan a un xogador importante como David Pérez logo dunha tempada afastado por lesión e incorporan tamén a Andrés Fernández que debutará diante de Zalaeta co equipo. Na primeira volta Muralla perdeu por tan só un punto na súa casa diante dos coruñeses, un equipo que parece voltar a loitar polo ascenso á máxima categoría galega logo de varias tempadas escuras.

O encontro terá lugar este domingo día 14 ás 13:00 horas no Campo de Rugby de Acea da Má.

Pola súa banda, o equipo feminino viaxa tamén na xornada do domingo a Ourense para intentar proseguir coa súa magnífica tempada que as mantén líderes e invictas na competición, con tan só CR Lalín capaz de seguirlle o ritmo ás mulleres dirixidas por Edgardo Martínez. Ourense perdeu claramente na primeira volta co Muralla e aínda que a tempada non está sendo positiva para elas a visita ao Universitario de Ourense sempre é complicada para calquera equipo.

O partido disputarase o domingo 14 ás 16:00 horas no Estadio Universitario de Ourense.

E como aperitivo a todo elo, na xornada do sábado o equipo Sub-14 xoga en Lugo no Gregorio Pérez Rivera na xornada 6 da LGR S-14 Norte recibindo a CR Ferrol. O equipo Sub-14 que debuta na categoría, e co mérito de disputar a competición coa metade do plantel con Sub-12 de segundo ano, aínda non coñece a vitoria nunha tempada que ten que servir como aprendizaxe para os nenos e nenas do conxunto e como iniciación no rugby competitivo.

O encontro xogarase este sábado día 13 ás 17:00 horas no Estadio G. Pérez Rivera.

Advertisements

Accións

Información




%d bloggers like this: